Quantcast
Channel: Si home si » crisis
Viewing all articles
Browse latest Browse all 12

Pasámonos nos recortes

$
0
0

Agora resulta que non había que pasarse co da austeridade. O informe sobre Perspectivas de Emprego realizado pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) e difundido esta semana, asegura que o malo da crise non foi soamente que se disparase o paro, senón tamén as consecuencias nos que conservaron o traballo. Máis ou menos, o informe di que as reducións salariais en España a raíz da crise “orixinan estreiteces económicas nos traballadores e as súas familias, ademais de afectar negativamente ao consumo interno”. O mundo dos expertos é incrible. Canto non terán estudado e analizado para chegar á conclusión de que se baixan os salarios a xente o pasa mal e compra menos! Deberon facer un traballo de campo exhaustivo, porque a ninguén se lle ocorre de primeiras (polo menos a quen cobre o que cobran eles).

Sobre todo, o incrible é que en decembro do ano pasado, eles mesmos (ben, non sabemos se eran os mesmos expertos, pero foi a mesma OCDE) recomendaban baixar os salarios. E aquí xa sabemos que somos mandadiños, porque baixaron unha media do 2% anual, a porcentaxe máis elevada de Europa, despois da de Grecia. “As baixadas salariais desta magnitude poderían causar considerables penurias”, advirte, non sei se sorprendido, o organismo internacional. Así en confianza, queridos expertos: xa as causaron. Vexan os informes desa ONG antisistema, Cáritas. Quizais os viron, e por iso agora din que baixar é malo, cando antes dixeron que era bo. De todas formas, aquí non baixaron os salarios, por moito que diga a OCDE. Quen o vai saber mellor que o presidente da patronal, Juan Rosell, que saíu ao día seguinte desmentindo, non os efectos, senón directamente a causa. Tamén Montoro ten dito por activa e por pasiva que os salarios non baixaron. Fronte a tan desinteresadas opinións, están os datos do Banco de España que en febreiro apuntaron a que os soldos caían o dobre do que establecían as estatísticas, pero todo o mundo sabe que o banco central español é unha coñecida escola de pensamento económico bolivariano. O informe da OCDE recoñece tamén –mecachis!- que os prezos non baixaron porque os empresarios preferiron en xeral aproveitar a baixada salarial para incrementar beneficios. Así que se se os soldos baixaron e os prezos non, como queren que remonte o consumo (isto ocorréuseme a min soliño).

E para acabar de amolala –vaia polas ánimas- vai e resulta que a enorme porcentaxe de traballo temporal que hai en España é algo “nefasto tanto para as persoas como para a economía”, segundo o organismo internacional (que debe ser das poucas veces que usa a palabra “persoa”. Así que o informe suxire que case mellor non baixar os salarios “porque poden acabar sendo contraproducentes e, sobre todo nun contexto de inflación próxima a cero, poderían ter unha eficacia limitada na creación de emprego. Eses axustes acentuarían o risco de pobreza”.

En realidade, non sei a que vén o cambio. Os informes das OCDE antes xustificaron a austeridade, pero agora vana seguir impoñendo igual, con ou sen informes. E tampouco debe ser que teman as responsabilidades, porque os expertos nunca son responsables das economías que ditan, teñan as consecuencias que teñan. Unicamente que influíra a realidade, pero tampouco hai moitos precedentes.

 (La Opinión de A Coruña 6/9/2014)



Viewing all articles
Browse latest Browse all 12

Latest Images